O Local

esta é a nosa historia de película…

No verán de 1998 Jose Luis Cuerda elixiu Allariz para rodar a súa película A lingua das Bolboretas. De entre os escenarios escolleitos para a rodaxe estaba a antiga tenda do Pepiño. Unha típica tenda-bar do rural ourensán dos anos 50 que xa pechara as súas portas 30 anos antes pero que o seu dono, D. José Fernández “O Pepiño”, mantiña en perfecto estado. Como se aínda abrise as súas portas todos os días.

A rodaxe de A Lingua das Bolboretas non serviu só para recuperar o espazo de “O Pepiño” senón tamén para que nacera a idea de recuperar a gastronomía típica da Galicia rural e asociar a iso a posta en marcha dun negocio que unira nun mesmo lugar as ofertas de tenda, bar e restaurante como fixera D. José Fernández durante tantos anos.

 Foi así como naceu “O Pepiño de Allariz”

Gozar no Pepiño

Podes gozar da túa estancia no Pepiño de Allariz de moitas maneiras, adaptándose á túa visita ou ós teus gustos.

Pausadamente no servizo de comedor

No noso comedor poderás degustar comidas e ceas de estilo caseiro. A oferta gastronómica do Pepiño está baseada na cociña tradicional da área de Allariz, e nela empréganse produtos da zona. Temos unha variada carta que mantemos á túa disposición durante todo o ano e a ela sumamos cada fin de semana pratos de tempada.

Na nosa carta poderás atopar pratos feitos con antigas receitas populares rescatadas pola nosa cociñeira.

Allariz, e a provincia de Ourense, son líderes na produción de carnes de calidade. En Allariz todos os anos celébrase a Festa do Boi e na carta do Pepiño poderás atopar as mellores carnes de boi, vaca madura e tenreira. As empanadas tradicionais, os nosos embutidos e queixos e unha esmerada selección de sobremesas caseiras completan unha oferta que te trasladará ao mundo gastronómico galego.

De tapas, con ou sen compaña

Non hai costume mais galega cá de “ir de viños”. A nosa taberna é un punto de encontro no paseo diario, tanto na hora do vermú coma na dos viños do serán. Visitantes e veciños acoden á nosa zona de bar a degustar a nosa selección de viños galegos con especial atención ás catro denominacións de orixe coas que conta a provincia de Ourense. Con cada consumición a casa ten por costume agasallar os nosos clientes cun pequeno pincho de degustación para que o grolo sexa máis agradable.

No servizo de bar tamén poderás degustar a nosa cervexa artesanal. Unha cervexa de trigo elaborada especialmente para O Pepiño.

Para quen queira acompañar os viños ou cervexas con algún aperitivo, o noso servizo de bar ofrece unha selección de tapas feitas coa mesma proposta gastronómica cá nosa carta.

Na terraza na tempada de verán

Na nosa terraza de verán poderás gozar dos nosos servizos de restauración en pleno casco histórico de Allariz.

 Unha experiencia gastronómica diferente nun lugar único.